Friday 17 de May de 2024

Os nenos e nenas das actividades de conciliación do Concello de Ordes celebran o Nadal na residencia de maiores


Compartiron cos maiores panxoliñas e bailes, ademais de realizar manualidades no centro e entregarlles agasallos feitos por eles mesmos. O vindeiro 5 de xaneiro celebrarán un mercado de troco na Alameda

Os nenos e nenas que asisten ao ‘Christmas Camp 2015’ non se esquecen dos máis veteranos do concello, e acompañados dos seus monitores realizaron unha visita á residencia de maiores de Ordes. Un xeito de achegarlles a ledicia do Nadal a todas e todos os residentes mediante os agasallos, cantos e coreografías que prepararon especialmente para a ocasión. Incluso se realizou un obradoiro de manualidades de Nadal no que moitos dos internos se animaron a participar. Deste bo xeito co que tanto o Concello de Ordes como a escola Con Talento puxeron de manifesto a todos os nenos e nenas que participan das actividades de conciliación a importancia de compartir tempo e sensacións coas persoas maiores.

Os máis de trinta nenos e nenas de entre 3 e 11 anos que este ano participan no programa de conciliación organizado polo Concello de Ordes están a ter todo tipo de actividades marcadas pola diversión e a aprendizaxe de valores. Visitas a parques e lugares de interés como a canceira ‘Segunda Oportunidade’ ou o Museo do Traxe, obradoiros creativos, clases de cociña, actividades deportivas, sesións de baile e canto, animacións ou festas de fin de ano son algunhas delas.